Páginas

jueves, 14 de marzo de 2013

O DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES

Deberiase celebrar cada oito de marzo o Día Internacional das Mulleres. E aclaro que debería ser así, en lugar de Día Internacional da Muller, porque o término mulleres engloba a todas, calquera que sexa a súa procedencia xeográfica, a súa raza, condición social, formación e aspiracións. O plural fai sentir solidariedade e compromiso, e mesmo orgullo de pertencer ó xénero feminino. Escribir "muller" en singular convértese nunha nova oportunidade de distinguir a unha cunhas determinadas características, pero tamén para englobalas a todas e pechalas, mesmo limitalas, con cualificativos propios da condición feminina. Desa maneira o que provoca a utilización do singular é frear o progreso e o avance que cadaquén poida elixir libremente. Nesta xornada ó que aspira é á idea de avanzar na igualdade de trato. Por iso a proposta de empregar mulleres en lugar de muller. Non foi ata ben entrado o século pasado cando comezou a ser o oito de marzo a data fixada para a celebración en todo o mundo. Ó principio foron reivindicacions que tiñan que ver coa paz, noutras ocasións foron protestas polas condicións de vida e de traballo nas fábricas. Logo sumaronse as mulleres do movimento polo dereito ó sufraxio. As catro conferencias internacionais sobre mulleres promovidas pola ONU fixaron o día oito de marzo como xornada central de tódalas reivindicacións feministas. Cada ano gaña significado a celebración grazas ó apoio que presta o departamento de Mulleres da Organización de Nacións Unidas, chamado, precisamente, ONU Mulleres. Actualmente esta xornada o que nos suxire non é so o dereito a traballar, senón que tamén nos empraza a pensar na longa historia polo sufraxio feminino, na loita polo dereito á participación política e económica e polo dereito á igualdade de salario. Polo tanto, a teima continúa, porque a fenda salarial de xénero e a violencia contra ás mulleres son discriminacións que poñen en perigo a igualdade entre varóns e mulleres. Nesta situación de crise global, na que se perden tantos postos de traballo, parece unha redundancia pedir o dereito ó traballo e un soldo digno, pero esta petición recobra significado máis que nunca. Porque o dereito a poder ser unha persoa autónoma e con dereitos, en igualdade de condicións que os varóns, comeza por dispor dun soldo, e neste momento son moitas as mulleres que non poden acadar ou manter esa situación con dignidade. Son moitas as xornalistas que perderon os seus postos de traballo en Galicia por mor da crise económica e bancaria. Para todas elas debe ser esta petición de solidariedade. Sen esquecer que os poderes públicos han de aprobar canto antes medidas compensatorias mentres se deseña un programa político e económico de futuro, co que se poida crear riqueza e novas oportunidades de progreso.